Saturday 04 de May de 2024

Jorge Casales, Gabriel Marcelli e Berta Abellán converten Laxe nun circuito de trial para a gravación dun spot publicitario


• Desde o 13 ao 15 de outubro os pilotos, cunha carreira internacional recoñecida, estiveron a gravar un anuncio para o equipo TSR

• Desde a empresa produtora aseguran que a elección de Laxe como escenario foi polas súas características naturais, ofrecendo “o telón de fondo ideal para as escenas cos pilotos de trial”

A pasada fin de semana o Concello de Laxe converteuse no escenario dunha rodaxe para a gravación dun spot de motos de trial por parte do Equipo TSR.

Desde o 13 ao 15 de outubro a Punta da Cruz acolleu a filmación de diferentes manobras e acrobacias realizadas polos pilotos desta escudaría, que se verán reflexadas nun anuncio que verá a luz nos vindeiros meses.

Nesta rodaxe participaron pilotos de talla mundial como Jorge Casales Carrasco, Gabriel Marcelli Carballido e Berta Abellán Marsiñach.

Desde a empresa produtora do comercial, Csar Visual Studio, aseguran que a elección do Concello de Laxe como fondo para este anuncio non foi casualidade, pois “as súas características e a paisaxe natural ofreceron o telón de fondo ideal para as escenas cos pilotos de trial”.

Desde o goberno local aseguran que “a realización deste tipo de gravacións publicitarias sempre supoñen un impulso para o turismo, amosando fóra da nosa zona as riquezas e os tesouros que ofrece o Concello de Laxe”.

Desde o consistorio quixeron, tamén, “darlle as grazas a TSR por elixir o noso municipio como marco para promocionar a súa marca de trial”.